1/8/11

Sobre a moenda do pasado día 4 de xuño

Cantigas como Con me casar como quixen, e ter o ceio na casa, non hai noite que non me acorde das noites de muiñada ou a ben sabida Unha noite no muíño, unha noite non é nada; unha semaniña enteira, esa si que é muiñada; amais de refráns como Ábrete, fol, pola boca, pra que en vez dunha maquía dúas che colla ou O cura, o sancristán, o barbeiro e o veciño, todos moen nun muíño son só uns poucos exemplos dos milleiros de ditos populares que fan referencia ao muíño, elemento arquitectónico que presenta un peso específico importante dabondo dentro da fraseoloxía galega (arca esta que recolle a sabedoría popular de outrora e que, por ende, dá boa conta das características da vida dos nosos pais, avós e devandeiros) como para afirmarmos que estas construcións foron a pedra angular da vida na Galiza de antano; nas súas estruturas fican gravadas moreas de historias que xustifican aspectos senlleiros da cultura galega como pode ser a «muiñeira».

O ser humano, dende que se lle pode denominar como tal, aproveitou as forzas da natureza para mellorar a súa calidade de vida e, así, desenvolver cunha maior sinxeleza tarefas básicas do seu día a día. Velaí o porqué da xénese deste elemento arquitectónico tan representativo desta nosa terra, construído por puro pragmatismo, pois con el se pretendía tirar proveito, neste caso, da forza da auga dos ríos galegos, caudalosos coma ningúns outros por motivos obvios. Para iso, move dúas grandes pedras que son capaces de converter o gran en fariña, sexa esta de centeo, trigo ou millo. Os muíños de río presentan dous tipos fundamentais: os de «rodicio», coa roda motriz horizontal, que son os máis antigos e abundantes; e os de «bruia» coa roda motriz vertical, que son máis recentes e se coñecen co nome de aceas. O muíño destinado ao trigo denomínase «muíño albeiro».

Á parte da lóxica función económica do muíño, cómpre destacar o seu labor socializador, xa que actuaba como punto de encontro para os veciños; no seu interior intercambiábanse opinións e nacían as faladorías, eran un espazo onde converxían música e parola. Non en van, constatamos que foron axentes da aparición do devandito tipo musical, que debe o seu nome á muller que, mentres agardaba pola súa fariña, cantaba e bailaba para facer pasar o tempo do xeito o máis ameno posible.

En canto ao seu funcionamento, os muíños adoitaban ser de uso comunal; neste caso, cada veciño dispuña dunha horas prefixadas para empregalo. Estes reciben o nome de «muíños de herdeiros». Do mesmo xeito, nalgúns casos podían pertencer a unha familia que podía permitir o seu uso a uns terceiros a cambio dunha determinada porcentaxe do produto moído. Estes denomínanse «de maquía» por ser esta unha unidade de medida que correspondía a unha libra e que servía de pagamento ao dono do muíño.

Na nosa parroquia existen 17 muíños documentados, nomeadamente e en orde de aparición partindo do San Cibrán cara O Cacheno: o de Calderón, o da Bouzafría, os do Buraco e Buraquiño, o da Pedrosa, o do Sorrego, o do Migueliño, o de Matías, o de Acebedo, os de Outeiro e Outeiriño, o de Eifonso, o da fonte de Sansegueira, o de Xeme, o de Abalde, os de Muxo e mais os Muíños Vellos.

Seguindo os seus postulados, a asociación Pena Cabalaria organizou o pasado 4 de xuño unha moenda no muíño da Pedrosa para poñer en valor o que consideramos un elemento senlleiro do patrimonio material da nosa parroquia. O que se pretende con esta actividade é, por unha banda, promover entre os nosos veciños o que entendemos como a esencia do noso colectivo: o amor e o respecto, desta vez pola nosa arquitectura máis enxebre e, por outra banda, incidir na mocidade para transmitirlles uns valores renovados e que están estreitamente relacionados cos fundamentos dunha vida sostible: a defensa e a conservación do noso patrimonio etnográfico, acompañados na praxe con actividades lúdicas que conciencien á xente nova dun xeito ameno, como poden ser a debulla do millo para a súa moenda; a participación en primeira persoa no funcionamento dun muíño de río e, obviamente, a oportunidade de gozaren dun entorno inigualable, digno da maior gabanza.

Asemade, e por se non abondaba, propuxemos aos visitantes a degustación dunha amalgama de produtos non que o millo é un elemento básico, dende moletes de pan ata empanadas de varios tipos, pasando por pan con queixo de tetilla, marmelo e alcriques, todo isto regado quer cun bo viño do país quer con refrescos para os máis cativos.

Velaí, dun xeito superficial, os obxectivos que dende a asociación Pena Cabalaria nos marcamos con esta actividade, evento que consta na nosa axenda coma algo a repetir ano tras ano.