4/10/11

Romaría de San Cibrán

Co gallo da romaría de San Cibrán, un dos santos milagreiros que máis mira por nós os bembrivenses ante meigas e demais espíritos do alén, a Asociación Pena Cabalaria uniuse aos centos de romeiros que subiron até os Ramallos para gozarmos con todos eles dunha xornada de lecer.

Aproveitamos a ocasión e as boas condicións atmosféricas para montarmos un posto onde, amais da devandita bebida, fornecemos aos visitantes de información sobre o xeito mediante o cal os nosos devanceiros apañaban e procesaban as mazás para acadaren este saboroso produto. Cómpre salientar que todas as mazas foron arrapañadas na parroquia, non houbo “inxerencia” allea ningunha.

Do mesmo xeito, os socios e socias da asociación queremos agradecer a Carme, Jaime, Tino, Chari e demais familia por prestárennos dun xeito tan desinteresado a súa casa e mais o seu lagar, obra de arquitectura popular de abraiante beleza. De non termos contado coa súa axuda, non poderiamos ter elaborado esta bebida dun xeito tan artesanal e a sidra tería perdido a súa esencia. Neste capítulo de agradecementos non podemos esquecer dar as grazas a “Cans de Palleiro” por nos agasallaren cos seus acordes nin a todos e cada un dos romeiros que contribuíron a que Bembrive inda siga a manter ese punto exacto de compensación entre enxebrismo e progreso.