Manifesto "pola protección da serra do Galiñeiro"

MANIFESTO POLA PROTECCIÓN DA SERRA DO GALIÑEIRO


A Serra do Galiñeiro, lugar natural de encontro dos Concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño e Tui, alberga numerosos valores ambientais, xeolóxicos, paisaxísticos, etnográficos, arqueolóxicos e sociais, polo que as asociacións cidadás que subscribimos este manifesto, consideramos que teñen que ser protexidos ao amparo das lexislacións europea, galega e municipal vixentes.

Na actualidade só os PXOM de Vigo e o Porriño inclúen a súa parte da Serra como Espazo Natural de Protección, a pesar de que o valor desta está avalado por documentos como o da Comisión de Espazos Naturais da Axenda 21 promovida pola Concellería de Medio Ambiente do Concello de Gondomar no 2009 e o anuncio da ampliación do Parque Natural do Monte Aloia a todo o cordal do Galiñeiro por parte do Conselleiro de Medio Ambiente e os rexidores dos concellos implicados no 2008.

Non obstante a día de hoxe non só, non se cumpriron esas expectativas, senón que as ameazas sobre a Serra aumentaron.

Solicitamos a protección da Serra do Galiñeiro para preservar todos os seus valores para disfrute de todas e todos nós, así como das xeracións vindeiras porque queremos seguir tendo:

Un referente paisaxístico nas bisbarras do Val Miñor, Vigo, A Louriña, Baixo Miño e O Morrazo pola súa elevada altitude e polas formacións rochosas que a configuran.

Un rico patrimonio xeolóxico, tanto polas súas formacións de gneis de riebeckita nos cumes máis altos da Serra, como polos seus valores tectónicos únicos no mundo. Destacamos como formacións xeomorfolóxicas de orixe periglaciar a “Cova da Becha”, a “Lapa da Moura”, O monte dos Arruídos en Vincios ou a dos Milagres da Trapa nos Cabreiros.

Hábitats de breixeiras húmidas, brañas, turbeiras e matogueiras de influencia mediterránea e termófilas con endemismos, algúns deles catalogados pola Directiva Europea 43/92/CEE, como “Hábitats Prioritarios” como as "Breixeiras húmidas atlánticas meridionais de Ericas" ou “Hábitats de Interese Comunitario” como as "Breixeiras secas” e os "Pastos pioneiros en superficies rochosas".

Queremos protexer a fauna de escasa presenza en Galiza, coma a azulenta papuda, ou endemismos coma a saramaganta Chioglossa lusitanica ou a rá patilonga. Tamén a avifauna migratoria como o picanzo real ou o pedreiro cincento. A ampliación da superficie protexida do Parque Natural do Monte Aloia a toda a Serra do Galiñeiro garantiría a continuidade dos ecosistemas imprescindibles para todas estas especies animais e vexetais da Serra.

Queremos seguir a disfrutar das pegadas da presenza humana en época prehistórica, dos petróglifos como o de “Auga da Laxe” de características únicas no continente europeo e das mámoas como as dos Bromús e as do monte das Moutas. De época histórica temos elementos importantes da arquitectura popular: presas, levadas, muíños de auga, abrigueiros para pastoreo comunal e para os obradoiros de cantería artesanal como foi a “Casa do Demo”

E por se non presentaran xa por si mesas valores xeolóxicos singulares, as numerosas cavidades existentes na Serra do Galiñeiro, contan con elementos arqueolóxicos de orixe prehistórica e medieval, ademais de acoller un rico e variado patrimonio inmaterial, que se expresa en numerosas lendas populares e nun amplo abano de seres mitolóxicos.

Toda a Serra do Galiñeiro ofrece numerosos servizos económicos, de lecer, deportivos e culturais nunha área tan densamente poboada como é a área metropolitana de Vigo. Actividades deportivas e de ocio como o sendeirismo, a escalada, competicións de carreiras de orientación, colleita de cogumelos etc, ás que temos que sumar os aspectos didácticos relacionados coas Ciencias Naturais e Sociais que ofrece a Serra.

Amais disto, o Galiñeiro prové ao encoro de Zamáns e as súas aguas subterráneas abastecen as traídas de aguas da veciñanza de toda esta contorna. Tamén acolle pastoreo de gado ceibe: cabalos, vacas, ovellas e cabras. As greas do cabalo de monte galego permiten a celebración de dous Curros, o de Vincios e o de Morgadáns. Esta raza equina autóctona está actualmente en perigo de extinción, e a súa protección especial figura no Real decreto 1682/1977.

Queremos continuar coa xestión de aproveitamento multifuncional que moitas Comunidades de Montes fan da Serra, sustento de actividades culturais nas parroquias, e verdadeiras dinamizadoras da cultura do pobo.

Por todo o expresado denunciamos os proxectos e actuacións altamente impactantes que destragan a Serra, impulsados por un desarrollismo que ignora as súas catastróficas actuacións: plantacións de especies foráneas como eucaliptos ou piñeiros que reducen a biodiversidade e aumentan o risco de incendios, zonas inzadas de acacias, proliferación de canteiras, moitas delas ilegais pero que continúan en activo, así como canteiras en desuso sen a debida restauración. A presión de grandes infraestruturas como a construción de parques eólicos, estradas de circunvalación de áreas urbanas, son novas ameazas que se suman ao deterioro habitual que supoñen as pistas e movementos de terra sen control, os vertedoiros incontrolados de lixo e entullos, o tránsito frecuente de motos de cross e quads fora dos camiños e incluso a acampada ilegal.

Invitamos a toda a cidadanía, asociacións, clubs, entidades etc a sumárense a esta acción “Pola protección da Serra do Galiñeiro”, a traballar, aportar ideas que apoien a salvagarda das riquezas naturais, culturais e sociais que alberga e conduzan á declaración da súa protección.